Metodoloxía
Transparencia total: así calculamos a túa afinidade política.
58 preguntas
En 14 categorías temáticas
13 partidos
Nacionais e autonómicos
754 posicións
Asignadas a partir de fontes públicas
Mesmo trato
Idéntico criterio para os 13 partidos
1. Fontes de información
As posicións dos partidos documéntanse a partir de fontes públicas e verificables, priorizando os documentos dos propios partidos:
- Programas electorais: os das xerais de 2023 e, cando son máis recentes, os das europeas de 2024 ou das autonómicas de 2024-2026
- Documentos aprobados nos seus congresos e asembleas (2024-2025)
- Votacións no Congreso e no Parlamento Europeo
- Declaracións públicas dos seus dirixentes, citadas a través do medio que as recolle cando non hai documento do partido
2. Deseño de preguntas
Cada pregunta do test cumpre estes criterios:
- Neutralidade: Non menciona partidos nin figuras políticas
- Claridade: Linguaxe accesible, sen tecnicismos
- Relevancia: Temas de debate político actual en España
- Diferenciación: Permite distinguir posicións entre partidos
Escala de resposta
Utilizamos unha escala Likert de 5 puntos:
Moi en desacordo
En desacordo
Neutral
De acordo
Moi de acordo
3. Posicións dos partidos
Para cada pregunta asígnase unha posición (1-5) a cada partido a partir desas fontes. Hoxe todas as posicións teñen o mesmo peso de confianza (3) no cálculo: ningún partido recibe un trato distinto pola vía do peso.
- Posicións con fonte ligada: Levan o documento concreto que as respalda, coa súa data
- Posicións estimadas: Deducidas do conxunto do programa cando non localizamos un documento que as enuncie de forma explícita. Aparecen marcadas como tales na ficha do partido
Documentar con fonte as 754 posicións é un traballo en curso. Marcar o que aínda non a ten parécenos máis honesto que presentalo todo coa mesma aparencia de precisión.
Se a un partido lle falta unha posición
Hoxe os 13 partidos teñen posición nas 58 preguntas; as que non se apoian nun documento explícito figuran como estimadas. Se a un partido lle faltase unha posición (ao incorporalo ou ao engadir unha pregunta), non se inventa: esa pregunta queda fóra do seu cálculo.
O número de posicións con fonte e estimadas de cada partido aparece na súa ficha.
Nas comparativas entre dous partidos ocorre o mesmo: só se comparan as preguntas nas que ambos teñen posición.
4. Algoritmo de cálculo
A afinidade con cada partido calcúlase mediante un algoritmo avanzado que ten en conta tres factores:
- Escala cuadrática: As grandes diferenzas de opinión penalízanse máis que as pequenas
- Factor de convicción: As opinións fortes (moi de acordo/moi en desacordo) teñen máis peso que as moderadas
- Redución de neutrales: As respostas "neutral" teñen menos impacto no resultado final
Para cada pregunta respondida:
diferenza = |a_túa_resposta - posición_partido|puntuación_base = (4 - diferenza)²factor_convicción = 0.5 + (distancia_do_centro × 0.25)peso_total = peso_confianza × importancia × factor_convicción
Afinidade total:
afinidade = (suma_puntuacións / puntuación_máxima_posible) × 100
A importancia decídela ti: no test completo marcas de 1 a 5 canto che importa cada pregunta (se non a cambias, vale 3); no rápido todas valen 3. O peso de confianza é hoxe igual (3) en todas as posicións. A comunidade onde votas, a idade e o partido que votarías non interveñen no cálculo da afinidade: a comunidade só ordena o resultado, como se explica máis abaixo en «Partidos da túa papeleta».
Factor de convicción
As túas opinións máis firmes teñen máis peso no resultado:
- Moi de acordo / Moi en desacordo → Factor 1.0 (máximo peso)
- De acordo / En desacordo → Factor 0.75
- Neutral → Factor 0.5 (menor peso)
Exemplo:
- A túa resposta: 5 (Moi de acordo)
- Posición do partido X: 4 (De acordo)
- Peso de confianza: 3, Importancia: 4
- Diferenza: |5 - 4| = 1
- Puntuación base: (4 - 1)² = 9
- Factor convicción: 0.5 + (2 × 0.25) = 1.0
- Peso total: 3 × 4 × 1.0 = 12
- Puntuación: 9 × 12 = 108 puntos
- Máximo posible: 16 × 12 = 192 puntos
- Afinidade nesta pregunta: 108/192 = 56%
Partidos da túa papeleta
Varios partidos do test só se presentan ao Congreso nunha ou dúas comunidades (por exemplo, ERC, Junts, o PNV, EH Bildu ou Adelante Andalucía). Para que o resultado fale de partidos que podes votar, antes da primeira pregunta preguntámosche en que comunidade votas. É opcional e aparece xa marcada a que se deduce da túa conexión, que podes cambiar. O teu partido máis afín é o máis próximo dos que se presentan alí.
A afinidade con cada partido calcúlase exactamente igual: non se quita ningunha pregunta nin cambia ningún peso. Os partidos que non se presentan na túa comunidade seguen aparecendo, á parte e coa súa porcentaxe, e se un deles é o máis próximo ás túas respostas dicímoscho. Podes cambiar a comunidade desde o teu resultado, e se prefires non indicala verás todos os partidos xuntos. As comunidades nas que se presenta cada partido saen do que anunciou para o 29-N e de onde se presentou en 2023, e comprobaranse coas candidaturas proclamadas que publique o BOE (as candidaturas preséntanse do 21 ao 26 de outubro e proclámanse a principios de novembro).
5. Brúxula política
A brúxula política sitúa a túa posición en dous eixes:
Eixe Económico
Esquerda:
Maior intervención estatal, redistribución, servizos públicos
Dereita: Libre mercado, menor fiscalidade, iniciativa privada
Eixe Social
Progresista:
Dereitos individuais, diversidade, cambio social
Conservador:
Tradición, valores clásicos, orde social
As categorías do test agrúpanse así para calcular a túa posición:
- Eixe Económico: Economía e Fiscalidade, Emprego e Traballo, Vivenda, Pensións e Benestar, Agricultura e Rural
- Eixe Social: Modelo Social, Inmigración, Seguridade e Xustiza, Institucións, Educación e Sanidade, Medio Ambiente
Temas que non puntúan na brúxula
Modelo Territorial, Lingua e Identidade e Europa e Mundo non se asignan a ningún dos dous eixes: as súas preguntas contan para a túa afinidade con cada partido, pero non moven a túa posición na brúxula. Son precisamente tres dos eixes que máis estruturan o debate político español, e por iso insistimos en que a brúxula é unha simplificación.
Como calculamos a túa posición
Para garantir coherencia entre a túa afinidade cos partidos e a túa posición na brúxula, utilizamos un sistema de polaridade automática:
- Análise de cada pregunta: Para cada pregunta, analizamos as posicións de partidos de referencia (esquerda: PSOE, Sumar, Bildu, ERC; dereita: PP, VOX, Aliança Catalana). Aliança Catalana mantense como referencia da dereita aínda que xa non figure no test, para non mover a escala.
- Determinación de polaridade: Se os partidos de esquerda teñen posicións máis altas nunha pregunta, responder "moi de acordo" posiciónate cara á esquerda. Se son os de dereita, posiciónate cara á dereita.
- Cálculo do score: A túa resposta convértese a unha escala de -100 (esquerda/progresista) a +100 (dereita/conservador), axustada pola polaridade de cada pregunta.
- Media por eixe: A posición final en cada eixe é a media de todas as preguntas das categorías correspondentes.
Este sistema garante que se tes alta afinidade cun partido de esquerdas, a túa brúxula situarate coherentemente na esquerda, e viceversa.
6. Limitacións
Queremos ser transparentes sobre as limitacións deste test:
- Non pode capturar todos os matices da política
- As posicións dos partidos poden simplificarse
- Os programas electorais non sempre reflicten a acción de goberno
- Algunhas preguntas poden ser máis discriminantes ca outras
- O test non considera o historial de cumprimento de promesas
7. Que está publicado
Todo o que fai falta para auditar o test está accesible desde o propio sitio:
- A lista completa de preguntas agrupadas por tema, coa explicación de cada unha.
- A posición de cada partido en cada pregunta, coa súa xustificación e, cando existe, o documento que a respalda.
- O algoritmo de cálculo, detallado nesta mesma páxina e explicado cun exemplo numérico paso a paso.
- Os datos agregados das respostas, coa súa ficha metodolóxica e o limiar mínimo aplicado.
Das 754 posicións, 680 ligan hoxe o documento que as respalda e 74 están marcadas como estimadas.
Rexistro de revisións
Cambios relevantes na base de preguntas e posicións:
- Xaneiro de 2026: publicación inicial con 56 preguntas e as posicións dos partidos con representación parlamentaria.
- 7 de setembro de 2026: engádense descricións ás fichas de partido e introducións ás de tema.
- 17 de setembro de 2026: incorpóranse o campo de fonte por posición, a marcaxe de posicións estimadas, a lectura por temas de cada partido e a sección de análises.
- 7 de outubro de 2026: revisión de todas as posicións cos programas e documentos vixentes de cada partido e as súas votacións de 2024 a 2026; cada posición documentada enlaza a súa fonte. Cambian de valor 123 posicións, SALF completa as súas 56 e reformúlanse sen cambiar de sentido sete preguntas desfasadas ou ambiguas (14, 15, 21, 29, 47, 51 e 52). Os resultados xa compartidos conservan o seu cálculo orixinal.
- 8 de outubro de 2026: Aliança Catalana sae do test porque anunciou que non concorrerá ás eleccións xerais do 29 de novembro (a súa ficha segue publicada), e amplíase a documentación de SALF con declaracións do seu líder e as súas votacións no Parlamento Europeo: cambian 8 das súas posicións e as estimadas pasan de 19 a 12.
- 8 de outubro de 2026: incorpórase Podemos, que anunciou que concorrerá ás eleccións xerais do 29 de novembro, coas súas 56 posicións (52 con fonte e 4 estimadas) documentadas a partir dos documentos da súa V Asemblea Cidadá Estatal (2025), o seu programa das europeas de 2024 e as súas votacións; as lecturas de cada tema recalcúlanse cos dez partidos do test.
- 8 de outubro de 2026: o test pasa de 56 a 58 preguntas para as eleccións xerais do 29 de novembro. Entran cinco preguntas novas (axuda militar a Ucraína, saír da OTAN, castigar a quen paga por sexo, prohibir ir coa cara tapada e desafiuzamentos de familias vulnerables) e dúas substitúen outras que quedaran desfasadas: a xornada de 37,5 horas por lei ocupa o lugar da semana de catro días e o concerto económico para Cataluña o dos privilexios de Madrid. Saen tres preguntas nas que case todos os partidos coincidían (axudas aos agricultores, pensións mínimas e saúde mental). Das 70 posicións novas, 65 están documentadas coa súa fonte e 5 figuran como estimadas. Os resultados xa compartidos conservan o seu cálculo orixinal.
- 9 de outubro de 2026: incorpórase Adelante Andalucía, que anunciou que concorrerá en solitario ás eleccións xerais do 29 de novembro nas oito provincias andaluzas, coas súas posicións documentadas a partir do seu programa das eleccións andaluzas de 2026, o seu programa das xerais de 2023, os seus documentos de asemblea e as súas intervencións e votacións no Parlamento de Andalucía; sete das súas 58 posicións son estimadas. O criterio de inclusión pasa a ser concorrer ao 29-N e ter escano no Congreso ou no Parlamento Europeo, ou que as enquisas lle dean escano; as lecturas de partidos e temas recalcúlanse cos once partidos do test.
- 9 de outubro de 2026: incorpórase o BNG, que anunciou que concorrerá en solitario ás eleccións xerais do 29 de novembro, coas súas posicións documentadas a partir do seu programa das xerais de 2023, os documentos da súa XVIII Asemblea Nacional (2024), o seu programa das eleccións galegas de 2024 e as súas votacións no Congreso e no Parlamento Europeo; unha das súas 58 posicións é estimada. As lecturas de partidos e temas recalcúlanse cos doce partidos do test.
- 9 de outubro de 2026: incorpórase Coalición Canaria, que anunciou que concorrerá ás eleccións xerais do 29 de novembro en Canarias, coas súas posicións documentadas a partir do seu manifesto das xerais de 2023, a Axenda Canaria, os documentos do seu VIII Congreso (2025), o seu programa das eleccións canarias de 2023 e as súas votacións no Congreso; oito das súas 58 posicións son estimadas. As lecturas de partidos e temas recalcúlanse cos trece partidos do test.
- 9 de outubro de 2026: corríxense as etiquetas do eixe social da brúxula, que estaban invertidas: «Progresista» aparecía arriba e «Conservador» abaixo, aínda que o punto xa se situaba segundo a escala correcta (de −100, progresista, a +100, conservador). Agora «Conservador» vai arriba, como é habitual, e as cores dos cuadrantes axústanse. Non cambia ningunha puntuación, e a corrección aplícase tamén aos resultados xa compartidos.
- 9 de outubro de 2026: o test pódese escoitar. Cada pregunta ten un botón «Escoitar» que a le en voz alta xunto coa escala de resposta, e un interruptor para que cada pregunta se lea soa ao aparecer; tamén se poden escoitar as explicacións e as preguntas de idade e de voto. Propúxoo un usuario para que poidan facer o test as persoas con dificultades de lectura. Usa a voz do propio dispositivo, sen enviar nada a ningún servizo externo, e só aparece se o dispositivo ten unha voz no idioma da páxina. Non cambia ningunha puntuación.
- 9 de outubro de 2026: péchase temporalmente a páxina de venda de informes de datos mentres se prepara un sistema de compra automático. Cando volva, xa non incluirá o informe nacional gratuíto nin o informe á medida. Non afecta ao test, ás puntuacións nin ao barómetro.
- 9 de outubro de 2026: pódense facer doazóns para axudar a manter o proxecto, con importe libre e pagamento por Stripe (tarxeta, Apple Pay ou Google Pay). A páxina de transparencia recolle as súas regras: non se aceptan doazóns de partidos, fundacións de partidos, candidatos nin campañas; cada doazón ten un máximo de 500 €, e cada ano publicarase o total recadado. Hai unha ligazón para doar na cabeceira e no pé da web, que non aparece mentres se responde o test, e a petición de doazón da páxina de resultados só a ve quen acaba de facer o test, nunca quen abre unha ligazón compartida. Non afecta ao test, ás puntuacións nin ao barómetro.
- 9 de outubro de 2026: o resultado ordénase segundo a túa papeleta. Antes da primeira pregunta podes indicar en que comunidade votas, e o teu partido máis afín pasa a ser o máis próximo dos que se presentan alí. Os que só se presentan noutras comunidades aparecen á parte, coa súa porcentaxe, e avísase se un deles é o máis próximo ás túas respostas. Pedírono moitos usuarios aos que lles saía como máis afín un partido que non poden votar: segundo a comunidade aproximada da súa conexión, pasaba en arredor dun de cada tres tests. Non cambia ningunha puntuación nin o cálculo da afinidade.
- 9 de outubro de 2026: corríxese un fallo da brúxula: as preguntas de modelo territorial, lingua e identidade e Europa e mundo contaban á vez nos dous eixes, cando a metodoloxía di que non contan en ningún. Os resultados gardados antes conservan a brúxula calculada no seu día. Ademais, actualízanse as explicacións de contexto de varias preguntas (nucleares, impostos ás grandes fortunas, transparencia salarial, lobo, xestación subrogada, desafiuzamentos, xornada laboral e outras) sen cambiar ningún enunciado nin ningunha posición.
8. Contacto e correccións
Se detectas algún erro nas posicións dos partidos ou tes suxestións para mellorar a metodoloxía, contacta connosco en contacto@afinidadpolitica.es.
Valoramos especialmente os comentarios que inclúan fontes verificables.